Hai filloas para todos os padais; para os máis doces, receita de filloas con marmelada!

Falar de entroido é falar de cocido, filloas, orellas, roscas… Se hai algo que define esta época é esa mestura de olor a anís, a masa, forno… E cómo nos gusta!

As filloas son, sen dúbida, un dos pratos protagonistas do entroido. A receita das filloas é algo moi persoal e case intransferible, cada cociñeiro ten un xeito propio de facelas e os seus trucos. Ademais, se preguntamos os comensais, os gustos son de todo tipo: máis ou menos finas, con azucre, con marmelada, sen nada…

Hoxe queremos compartir con vós a nosa particular receita de filloas! Esperamos os vosos comentarios e suxestións 🙂

Os ingredientes son:

  • 500 ml de leite
  • 3 ovos
  • 200 gr. de fariña
  • 1 cullerada de azucre
  • 1 cullerada de anís doce
  • Un chisco de sal
  • Aceite

Elaboración:

  • Poñemos todos os ingredientes na xerra da batidora e mesturamos ben. Gardamos a masa no frigorífico durante uns 30 minutos.
  • Unha vez que a masa repousou, imos preparar as filloas. Untamos a base da tixola cun papel con aceite.
  • Cando estea quente, vertemos un cullerón de masa e movemos a tixola para que se estenda.
  • Cando os bordes comecen a dourarse e saian burbullas, dámoslle a volta cos dedos ou cunha espátula, deixamos que se faga polo outro lado e lista para comer. E así sucesivamente, ata que se remate a masa!
  • Se queredes, podedes engadirlle un roque de marmelada de fresa ou similar, o resultado é espectacular!

Esperamos que gocedes do entroido con receitas tan ricas como esta, e que nolo contedes!