Showcooking no CEIP Concepción Arenal

Hoxe queremos compartir con vos unha acción moi especial que realizamos o pasado mércores 7 de decembro. Coa axuda de dous chefs, realizamos un showcooking para os pequenos de cuarto de primaria do CEIP Concepción Arenal, na Coruña. En primeira persoa os alumnos e alumnas puideron gozar da preparación de sushi en vivo e en directo.

Este tipo de actividades son moi importantes para inculcar aos pequenos o amor pola cociña. A gastronomía tamén é cultura! E máis nunha terra como a nosa, onde temos tanto apego a compartir momentos ao redor dunha mesa cos nosos seres queridos. Por iso, queremos que os nenos desde ben pequeniños gocen coa cociña, non só cun prato ou menú. A través de actividades como este showcooking poñemos en valor a comida, mostrando o traballo que hai detrás. E non só traballo, se non o divertido que pode ser.

Para desenvolver esta acción contamos coa axuda de dous chefs de ARUME. No comedor do centro montaron unha barra completamente equipada coma se fose a cociña dun restaurante. E para sorprender aos pequenos elixiron o prato nipón por excelencia: sushi. Ademais, aos poucos, foron saíndo diferentes alumnos para participar como pinches. E tamén houbo espazo para aprender! Por exemplo, a coñecer de onde vén o aguacate ou que é a alga nori.

Tamén queremos compartir nesta noticia o noso Facebook. Todo o showcooking foi retransmitido en vivo a través de Facebook Live, algo que imos facer en próximas ocasións. Desta forma queremos achegar aos pais as actividades que os seus fillos realizan, de modo que non perdan detalle dende a casa ou o traballo.

E para finalizar, deixámosvos cunha galería de fotos do desenvolvemento do showcooking. Se recoñecedes a algún dos pequenos non dubidedes en deixarnos un comentario!

Galería de imaxes