Presentes nunha xornada organizada por ANFACO-CECOPESCA

Mañá, martes 13 de novembro, participamos nunha xornada organizada por ANFACO-CECOPESCA. Baixo o título “Os produtos alimentarios do mar á procura do padal máis esixente: cómo mellorar as súas calidades organolépticas” analizaranse os principais retos do sector alimentario de produtos do mar.

A aceptación dos produtos alimentarios está influenciada por diferentes factores. En especial, todas aquelas variantes organolépticas. Estas son todas aquelas variables que inflúen nos nosos sentidos, incluída a presentación do produto. Por iso, con esta xornada ANFACO-CECOPESCA abordará os cambios necesarios para adaptar os produtos do mar aos gustos do consumidor.

Un dos principais públicos son os nenos. Aínda que España é un país cunha profunda tradición en consumo de peixe, isto estase perdendo entre os pequenos. Un tema para nada naif, xa que os nenos de hoxe serán os consumidores do futuro. Ademais, as continuas melloras en calidade de vida lévannos a adaptar o mercado a unha cuarta idade cada vez máis crecente. Coa cuarta idade referímonos a aquelas persoas que superan os 80 anos. Sobre estes diferentes públicos o sector aínda ten moito por facer. O principal obxectivo pasará por dar resposta a estas novas necesidades.

O xerente de ARUME, Carlos Varela, xunto á portavoz de FOANPAS, Bertila Fernández, desenvolverán un relatorio de título “Que necesitan, desde o punto de vista sensorial, os novos consumidores para engancharse ao consumo de produtos do mar“. Nela, tanto ARUME como FOANPAS farán ver ao resto de convidados os principais gustos dos máis novos. Tanto a nosa experiencia como a de FOANPAS no traballo diario con menús escolares axudará a arroxar luz sobre este asunto.

Ademais de ARUME, son moitas as entidades que participan: AECOC, Universidade de Vigo, CEAMSA, inn Flavours, Tastelab. Esta xornada está dentro do ciclo programado por ANFACO-CECOPESCA, dedicada a reflexionar sobre os retos de futuro do sector. A xornada pretende achegar as claves para  garantir o éxito do produto no mercado e mellorar na competitividade. Podedes consultar o programa completo aquí.