Alixeiras o paso, queda un agasallo por mercar, con iso terás xa o último… o do cuñado que ven de Teruel! Agora só queda preguntar a Maruxa se o que lle gusta era licor de caña ou crema. Pero iso podes facelo pola tarde, as tendas aínda estarán abertas.
Agarda! Martín e Pedro este ano querían un quebracabezas, ai! que lle dixeches á avoa que cun conto ían ben!! Imos chamala…
“Gustaranlle as nécoras a Carlos? Ramiro, por favor non esquezas o xeo! E Xulia… que se volveu ecolóxica e vexetariana… ha! máis cordeiro para min! todo ten o seu lado bo!” cando caes na conta de que estás a falar en alto, ves un rapaz que che mira cos ollos para fora coma a cariña do whatsapp…
En fin… Unha tolería de días, pero… cando non o son!!?? Se nos paramos a pensar un pouco, todo o ano estamos ó mesmo: ás carreiras. Pero en ningún intre é tan divertido como no Nadal. Nesta época temos un completo: a casa chea de po de neve, a familia, os agasallos, as ceas, as comidas e algún que outro “falabarato” se falta alguén na mesa. Para eses que renegan destas datas polas circustancias que sexa, que todos temos algunha, dicirlles… que é verdade, que teñen razón, é un espírito un pouco tolo este do Nadal pero os cativos pásano en grande, para eles é pura maxia, ou non fóstedes nen@s?? O que temos que corrixir un chisco grande son ás capas de consumismo e materialismo coas que o maquillamos…
E inda por riba, cando nos decatamos, comeza a conta atrás para que remate outro ano. O 2017 quedará para algúns como un ano fermoso e a outros non lles da chegado o día que se vaia, mais non vai cambiar nada porque poña 2018 e xa non esté ese sete repelente. Non é un sete o que está a fastidiar. Cada un de nós é un ser único que nace cunha sala interior chea de paixón, alegría, amor, xenerosidade, compaixón… e danos a sensación de que polo camiño da vida vanse quedando algúns sentimentos que de pequenos facíannos sentir que nada podía con nós. Saíamos da nosa casa co ‘modo feliz’ posto, fóramos onde fóramos, aínda que a túa nai ou pai ese día botárache unha bronca por non recoller a habitación, ti tiñas onde mirar para que o sorriso saíra igualmente. Era xenial, aínda que perderas algo e botaras unhas lagrimiñas, había tantas cousas máis que che facían feliz… fora verán, outono, inverno ou primavera! Se tiñamos un día difícil, selábamolo con bágoas e gardábamolo nun sorriso, así de natural e sinxelo. E chegaba o Nadal… cheo de maxia, as relacións intensificanse, os recordos borbollan, os sentimentos fanse enormes… era estupendo!
En Arume pensamos que sería unha boa idea cara os nen@s, aproveitar esta época para reforzar eses valores importantes que deben acompañarnos sempre, e que farán de nós unhas boas persoas todo o ano, toda a vida… para tentar que non se perdan polo camiño. De paso foi un exercicio para tódolos que colaboramos no proxecto, un exercicio que nos fixo reflexionar sobre o significado que cada un de nós queremos darlle a estas festas, un sentido máis responsable a tódolos niveis.
Cada día despois de comer, os monitores traballaron cos rapaces un conto que fixo de fío condutor da actividade, onde uns bos amigos salvaban coa súa amizade un día de tempestade e frío. Ser amable… mira que é unha cousa doada de facer… e ó revés mira que é complicado! ser desagradable é sinónimo de enredo seguro. Sendo amables conseguen os propósitos, e isto vai da man da amizade, do amor, da bondade e ademáis é unha boa forma de relacionarse e polo tanto un signo de xenerosidade. A fábula fai lembrar tamén que o amor é un sentimento que axuda a abrir a mente dunha forma positiva e optimista cara ó mundo.
Unhas cousas levan a outras facendo unha versión cada vez mellor deles mesmos. Como xa sabedes, acompañaron os xogos cun concurso onde deixaron claro o artistas que son, reflexando á perfección que a creatividade dun nen@ é infinita. Foi un broche de ouro a un ano que nos deixa grandes historias dun comedor escolar, nenos aprendendo dos adultos, adultos aprendendo doutros adultos e dos rapaces, en definitiva… persoas aprendendo de persoas, porque nunca están tódalas preguntas feitas, e nós temos que buscar novas respostas… un aprendizaxe continuo.
Así que non vos preocupedes que a Maruxa seguro que lle gusta o licor de caña e Ramiro non esquecerá o xeo. Desexámosvos que atopedes o balance positivo deste ano, comede san e con sentidiiiiiño, axudaredes a xestionar mellor non só os gastos senon tamén os recursos.
Situade o Nadal nese lugar do corazón que lle corresponde e dádelle o significado que cada un queira. Chorade, ride, brincade ou estade máis sosegados pero non deixedes de soñar como nen@s.
Eu creo que xa sei o que vou facer antes de rematar o ano! vou reler, por recomendación dalguén, ‘A pequena Cerilleira’ esa nena que prendía fósforos na noite para ver mellor os seus soños… Feliz aninovo familias!