Fai un par de meses contábamosvos a colaboración “Da Granxa ao Cole” que fixeramos coa Casa Grande de Xanceda. Con ela queriamos achegar aos coles os beneficios dos produtos ecolóxicos da granxa galega. Hoxe compartimos con vos unha novidade acerca desta colaboración.
Os pequenos do CEIP Novo Arteixo están de parabéns! A ANPA do cole decidiu ofrecer aos seus comensais os iogures da coñecida granxa galega. A partir de agora, polo menos dúas veces ao mes, os nenos poderán saborear os cremosos e naturais iogures Xanceda.
Desde este mesmo mes de xaneiro os escolares de Novo Arteixo xa poden atopar os iogures Xanceda como sobremesas nas súas comidas. Estes iogures elabóranse co leite ordeñada das vacas felices da Granxa. Felices porque viven como raíñas en grandes pastos dedicados só para elas! Ademais, todo o coidado das vacas é sustentable, sen contaminar os pastos, empregando materiais reciclables… Como eles din, son produtos que van “do prado á neveira”. Tanto é así que recentemente acaban de recoller o premio á Mellor Peme de España na categoría de Medio Ambiente.
Este tipo de colaboracións son moi importantes para Arume. Colaborar cunha empresa como Xanceda permítenos achegar produto local de proximidade aos nosos comensais. Desde Arume seguiremos traballando en achegar aos máis pequenos os produtos de maior calidade.