Hoxe queremos falarvos da marabillosa xornada que se celebrou no CEIP Zalaeta na que avós e netos gozaron dunha comida chea de anécdotas. Tralo concurso “Receitas con Historia”, no que os nenos e nenas cociñaron cos seus maiores unha tradicional e familiar receita, hoxe tocou probar os pratos gañadores.
O primeiro prato do menú era un Caldo Viúvo, cociñado por Rosa Ferreiro e a súa neta Erea Perez. De segundo, os comensais puideron degustar unha deliciosa carne guisada, receita de Francisco Manuel Toja e Mª Carmen Molina, os avós de Natalia e Sofía Asensio Toja e Raquel Cacheiro.
En Arume temos claro que a comida é moito máis que unha simple rutina. Ó redor dunha mesa compártense experiencias, valores, momentos, sorrisos… E o obxectivo do noso concurso “Receitas con Historia” non era outro que facer aos maiores da familia partícipes das actividades educativas no momento do comedor. E, ademais, poñer en valor eses pratos tradicionais para que sexan transmitidos de xeración en xeración e que definen a unha familia.
E o resultado non puido ser mellor! Deixámosvos cunhas fotos da xornada de hoxe no CEIP Zalaeta de A Coruña, e esperamos que sigades compartindo en familia momentos tan especiais como este. Porque cociñar é compartir, educar e aprender.