Fai uns meses puxéronnos diante un lenzo feito de terra, ceo, e espazos para estar. Despois de pasar un tempo buscando as cores, os pinceis, e a inspiración… comezamos a pintar…
Cada pincelada de cor e sorrisos que recorreu o lenzo é VOSA.
Aquí tedes o recordo:
Os obradoiros Pedagóxicos foron un éxito entre os rapaces, este circuíto de actividades relacionadas coas froitas e as verduras comezaron cun contacontos:“SOPA VERDE” ideal para todos aqueles que sintades curiosidade polos libros e os contos infantís. A infancia é a etapa da vida na que se forman moitos hábitos, entre eles, os da nutrición. Por iso contos como “SOPA VERDE” son un recurso fiable para motivar ós rapaces a comer variado. Se ledes o conto seguro que moitos de vós sentirédesvos identificados con coelliño, ó que só lle gustaba a cor verde, e por iso non comía cousas que foran doutra cor ata que coñece uns amigos que lle van cambiar os gustos… Sóavos? Cantos perdestes de probar cousas que de maiores encántannos por medo ó descoñecido cando éramos pequenos? Todos fomos un coelliño. O bufo, símbolo da intelixencia e a astucia, é o que fai unha sopa verde pero chea de alimentos que coelliño non probara ata o momento.
A este conto seguiu unha actividade teatral moi simpática titulada “COME VITAMINAS COME CORES” onde a ensinanza que se levan os nenxs é que cada cor representa un beneficio para a saúde
A cor vermella do tomate, a sandía , a fresa, pemento… é moi importante para o corazón.
A cor verde do brócoli, a leituga, chícharo, aguacate, acelga… protéxenos de enfermidades.
A cor branca da cebola, apio, espárrago, melón, plátano… coida o noso sistema nervioso.
A cor laranxa da cabaza, cenoria, mandarina, melocotón… quere dicir protección natural para a pel, ollos e cabelo.
A cor violeta da berenxena, cirola, uva, col, figo… colorea as defensas para o corazón e a memoria.
Ó remate os cativxs prepararon en grupo o que para cada un é un almorzo saudable.
No último obradoiro deste circuíto traballaron o mundo das emocións e dos sentimentos inspirándose no libro ilustrado “QUE TAL VEXETAL?”
Neste obradoiro imos traballar o mundo das emocións e dos sentimentos da man do libro ilustrado “Que tal vexetal?”, Os autores deste libro recorreron os mercados de Nueva York na busca de verduras expresivas, cun sinxelo coitelo tallaron e realzaron as expresións con materiais naturais.
Os nenos e nenas puideron facer que froitas como o limón o a laranxa semellen sentir e expresar sensacións de ledicia, pena, dor, anoxo, sorpresa, simpatía, e todo o que se lles pasou pola súa imaxinación inquieta.
Os contos ensinan sen dar leccións, os cativxs aprenden dese xeito da súa propia reflexión… Este libro que fala de sentimentos ten ademais unha mensaxe pedagóxica que anima a comer froitas e verduras ós máis pequenxs.
Para completar a roda de hábitos saudables, na zona ó aire libre os rapaces puideron facer da actividade física un xogo saudable e divertido, inculcándolles ademais dunha alternativa sa, certos valores e normas de conduta.
Xogos de carreiras e movemento.
Voando vou. Xogos de paracaídas
Pequeteca. Xogos para xs máis cativxs
Os Terechocs deixaron a pegada do chocolate alá por onde puideron. A Terra de Arzúa trouxo a Andrea e Pilita mulleres que representan a Mamá Teresa, doces artesáns. Tocando raíces da tradición galega todos os seus doces son elaborados con produtos de primeira calidade, e trouxeron un obradoiro artesán onde puidemos corroborar iso que din de ‘que descubrir o mundo coas súas propias mans é verdade que incrementa os niveis de felicidade e a capacidade de concentración‘. Temos as probas fotográficas. Mamá Teresa pertence á rede de mulleres rurais de Galicia Son de campo que nace para dar visibilidade ó papel da muller artesán da nosa terra, deixando a pegada da paisaxe, os produtos, a súa xente e a súa tradición.
Fernando e o seu movemento ‘haztupandeverdad’ ensinaron ós cativxs a facer pan de verdade! Este movemento que xurdiu na Coruña fai uns anos impulsa o coñecemento científico dunha alimentación saudable. Eles teñen unha proposta moi interesante para concienciar ás persoas de que paga a pena voltar á alimentación de sempre: á natural, ós alimentos que dá a natureza tanto de orixe animal como vexetal. En ‘haztupandeverdad’ ensínante a facer pan como se facía antes da industrialización con todo o xerme e o salvado do gran orixinal. Os nenxs resolveron que facer cun pico de fariña, auga e masa nai mediante a súa propia creatividade, se lles deixamos experimentar coas mans a súa sede de coñecemento crece sen dúbida.
Grazas tamén a tódolos nosos provedores que non dubidaron en acompañarnos a tarde do sábado para estar a carón das familias e que puideran coñecer mellor cada proxecto.
Un pracer estar coas familias nun momento diferente ó comedor, unha tarde divertida e cun novo lenzo para enmarcar na historia de ARUME ???