Ai meu Deus…!! O DÍA DO PAN!! ???
Si, si, se non o sabiades, fai máis de dez anos que se dedica un día do ano á historia do pan, ó seu futuro, a compartir xeitos de facer este alimento polos diferentes artesáns, con toda a variedade de materia prima que temos para facelo.
O luns 16 de outubro foi o DÍA MUNDIAL DO PAN, e nós… festexámolo!
Xa sabedes que somos moi defensores deste alimento, na anterior publicación contábamos que se está a recuperar o gran valor que ten, as familias consumen pan de novo con asiduidade, sendo isto unha noticia estupenda e saudable.
Unha volta á tradición que nos enche de ledicia !
E para festexalo os cativos do colexio Concepción Arenal recibiron unha visita especial !!
Para conmemorar o día mundial do pan, o forno Sanbrandán enviou un mensaxeiro moi particular, que lle contou ós rapaces unha incrible historia do superheroe Superbrandán que levantou a loita contra o maligno Lord Bollimort.
Os nenos estiveron moi atentos ás explicacións do mensaxeiro-panadeiro.
Contou que o superheroe viña dun lugar de moi lonxe, descendente dunha masa nai antiquísima, sen fermentos, feita da forma máis natural, cunha fariña fina saída dun muíño empuxado pola auga e unhas pinguiñas da mesma para facer a mestura. O seu aroma caracterízao desde sempre, e non hai rival ó seu sabor (Mmmmm…). Presume de ter unhas virtudes case únicas, de onde proveñen os súperpoderes, tamén lles dixo que cando naceu a masa nai da que descende, tiña unha chea de bacterias lactobacilos e fungos de fermentos (si… esa mesma cara de asombro puxeron eles). Ese conxunto favoreceu a aparición dun subproduto que enriquece dunha forma abraiante as súas propiedades. Aínda que o proceso de orixe foi máis lento que o do Lord Bollimort, fai que sexa un heroe de verdade da boa, un bo pan fai máis fortes ás defensas dos seus pequenos corpiños. Un produto saudable, nutritivo e moito máis dixestivo.
Que vos imos contar… Superbrandán no conto gañou!
Agardamos que triunfe cada día en moitas merendas dos rapaces. Alí xa querían todos un bocadillo, e iso que viñan de xantar! Mirade a festa que fixeron!
No colexio San José de la Guía de Vigo ensináronlles como se fai o pan. Sen dúbida unha vivencia que non esquecerán. E… preparádevos nais, pais, avós e demais familia… algún cativo xa se veu no futuro como panadeiro. Se nos vindeiros días sospeitades que cheira no cuarto a mestura de fariña, igual é que están a practicar ás agachadas 😉
Se así fose, as pautas a seguir son:
- Cando as sospeitas se fan realidade, sorrir.
- Revisade que teña fariña dabondo, para que poida seguir cumprindo as prácticas sen enredos.
- Senón… encher a saca.
- Deixade que desenvolva a súa creatividade, certo é que o oficio é ben saboroso.
- Cando vexades que saen bolos fermentados do seu caixón… nese intre negociar con eles, quizais vos deixen metelos no forno :)))
Se seguides os consellos, teredes na casa un neno feliz descubrindo unha nova arte, o que se chama un artesán en potencia da masa nai.
Velaquí a proba!
Ata a próxima familias !
Lembrade…
Onde se poña un bo bolo pan...
Un “pasteliño envolto en plástico” non ten nada que facer…