Xa estamos de volta ! Benvidos a un novo curso !
Encántanos setembro… que aínda sendo o noveno mes do ano, é o sétimo do calendario romano, de aí o seu nome. Un mes de comezos, de renovación, e o mes no que acontecen máis aniversarios ! Que casualidade, porque non só nos atopamos de novo con toda a xente que nos dá a súa confianza senón tamén porque… nacemos en setembro como marca !
É o mes da transición entre o verán e o outono, pero tamén se di que é o mes de saltar nos charcos e levarse ben cos veciños.
Pois si… Arume e tódalas persoas que forman este proxecto estamos de aniversario. Saltaremos nos charcos mentres sopramos unha vela, pediremos un desexo que se multiplicará por todos os que formamos este gran equipo e colaboramos nun proxecto iniciado con gran ilusión.
E xa que imos dar o salto de idade, lembremos un pouco que supuxo este ano para nós…
Contribuír á boa alimentación nos distintos colectivos: escolas, empresas, hospitais e centros da terceira idade foi o noso obxectivo esencial. Implantamos a compra de produto de tempada e proximidade para elaborar os nosos menús, aproveitando así todas as súas propiedades nutricionais e respectando o seu ciclo de crecemento. A nosa Galicia… se é que o produto de aquí… vai máis aló da cociña !
O intre de sentar na mesa para comer é un deses momentos importantes no crecemento de todos eses nenos que enchen as nosas escolas, e supón á vez compartir un momento de harmonía e socialización, ademáis de entender o acto de alimentarse como un sentimento que adquirimos mentres comemos. Nós participamos na súa educación dunha forma moi especial, creamos os seus recordos na mesa e colaboramos para que a conciliación da vida familiar sexa máis doada.
Familias ! Queremos restarvos tensión, esperamos conseguilo…
Gústanos lembrar cousas que nos fan reflexionar, balancear e aprender, para continuar mellorando e crecendo no noso compromiso. Nese recordo, un sorriso debúxase na cara de cada un de nós.
O mellor é contar quen son os responsables dese xesto de satisfacción persoal…
- Casa Grande de Xanceda entrou na vida de Arume, con esa familiaridade e compromiso co produto de calidade e o benestar das persoas, visitaron escolas onde ensinaron unha forma de facer as cousas con respecto á natureza, ós animais, ó medio rural e ás persoas.
- Coa incorporación de produtos ecolóxicos nos nosos menús, esperamos poder abrir un camiño cara a unha educación de respecto ó medioambiente e optimización dos recursos que temos na nosa contorna.
- Ai… os nosos menús tematizados… desde logo os nenos son especialmente agradecidos con estas pequenas cousas. Con estes pratos divertidos tratamos de dar a coñecer produtos e tradicións da nosa terra mediante a elaboración dun menú especial en épocas de recordo, como son o Samaín, o Nadal ou o Entroido, sen perder nin un só valor nutricional.
Vaia caras que se lles quedan coa sorpresa!
- Integrar e normalizar as intolerancias e alerxias alimentarias é un tema no que poñem
os especial atención, gustaríanos facer desvanecer esas etiquetas pouco a pouco.
Sempre que podemos colaboramos para dar visibilidade e promover hábitos saudables para a súa prevención, como foi por exemplo, a nosa participación no Día Internacional da Diabetes en novembro ou no Día Nacional do Celíaco en maio.
- Temos un especial recordo da xornada que organizamos no Palexco de Coruña en marzo co título “Prevención de Trastornos Alimenticios na Mocidade”. Foi realmente enriquecedor o achegamento entre as Anpas, as familias, profesionais de ABAC (Asociación de Bulimia e Anorexia da Coruña), empresas de restauración, e os nosos provedores. Un punto de encontro entre as persoas que rodeamos ós nenos e creamos a súa realidade.
Prometemos máis !!
- O concurso das receitas dos avós forma parte dun dos proxectos que máis nos enchen a nivel emocional, repleto de historia, de anécdotas, de contos compartidos nun momento de cociña, facendo as cousas como ben din eles… con sentidiño.
Queremos máis avós este curso… sabedoría e inspiración na cociña !
- A exhibición do showcooking para achegar ós cativos ó pracer de cociñar sempre é un éxito, cremos que as nosas escolas están cheas de grandes chefs en potencia. Miña naiciña… lembrarán os seus comezos en Arume creando receitas de agarimo e un chisco de sal !
- É unha ledicia para nós renovar o convenio de colaboración con Down Galicia en apoio á inclusión, independencia e á mellor calidade de vida cara a normalizar unha vida plena como adultos. Porque o bo de estar aquí é que mañá podemos facelo todo doutra maneira: “Incluír e construír”.
E moito máis… non rematariamos de describir momentos e anécdotas que contribuíron ó que somos a este novo setembro, que nos chega para seguir con moita máis enerxía e actitude.
Familias ! Saltemos charcos xuntos !