A Feira Internacional de Produtos do Mar Conxelados, Conxemar, é un referente internacional do mercado de produtos conxelados da pesca ou acuicultura. A semana pasada celebrou a súa XVIII edición no “Instituto Ferial de Vigo”, coa que bateu todas as marcas até agora conseguidos. A cifra de visitantes alcanzo a súa máxima histórica, superando os 30.000 profesionais de máis de 100 países do mundo. Esta cantidade supón un aumento do 11% respecto da edición do 2015.
O evento serve como punto de encontro para todos os profesionais do sector de produtos do mar conxelados. De acordo aos participantes e á organización, as xornadas de negocios e contactos empresariais deron o seu froito, con constantes visitas de profesionais ás casetas. Tivo especial importancia para as empresas participantes o papel dos visitantes estranxeiros, sobre todo de países como Portugal, Italia, Francia, Grecia ou Holanda. Tamén destacaron o crecente interese do mercado asiático nas compañías españolas.
O éxito de Conxemar, de acordo cos organizadores, ten unha estreita relación co Congreso Mundial de Cefalópodos celebrado o 3 de outubro. Este congreso foi organizado conxuntamente pola FAO (Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura) e Conxemar, á que asistiron un total de 377 profesionais de 26 países diferentes. Este simposio busca pór en contacto aos axentes dedicados á pesqueira comercial destes invertebrados, como o polbo, a sepia ou a lura, ademais de darlle relevancia á importancia da pesca de cefalópodos, así como a súa sustentabilidade tanto ambiental como económica e social.
A principal conclusión do congreso foi que a poboación mundial de cefalópodos é actualmente correcta e prevese un aumento nos próximos anos, pero hai casos locais preocupantes. Un tócanos directamente aos galegos, xa que se perdeu a pesca dunha especie de lura propia do norte debido á subida dun grao das augas das rías. De todos os xeitos, persisten as especies autóctonas do noso mar.
Un tema que nos afecta e interesa debido aos enormes beneficios que ten o consumo de cefalópodos. Enmarcados nunha dieta equilibrada, favorecen ao sistema inmunolóxico, colaborando na formación de ósos, cartílagos e dentes. Ademais, achega zinc e outros minerais interesantes para a nosa saúde. Son ricos en calcio, fósforo, iodo, potasio ou selenio. Xa sabes, inclúe cefalópodos no teu planning semanal!