Este venres celebrarase no Coliseum de A Coruña o xa mítico Festival Intercentros. Baixo o lema “Os teus soños, a nosa alegría” desenvolverase este evento que naceu co propósito de establecer un nexo de unión entre os centros educativos da cidade. A idea? Ofrecer unha actividade alternativa e significativa que contribuíse á transmisión de determinados valores entre nenos e xoves.
Como xa vos comentáramos nun post anterior, en Arume colaboramos con este festival dende fai uns anos. E non podemos sentirnos máis contentos e orgullosos!
Moito máis que un festival
Todas as actividades enmarcadas na gala teñen carácter educativo, musical e solidario, pois o principal obxectivo é educar en valores e axudar a quen máis o necesita. O festival, organizado pola Asociación Cultural Festival Intercentros naceu no 2002 no colexio Santo Domingo de A Coruña, e hoxe é xa un evento recoñecido na cidade.
A Gala Solidaria de Intercentros comezará coas actuacións dos máis de 40 colexios participantes. Despois terá lugar a entrega de premios aos colexios gañadores, e dende Arume teremos o pracer de facer entrega dun dos recoñecementos.
Animámosvos a todos a colaborar con esta iniciativa. O 100% do diñeiro recadado coas entradas irá destinado á Asociación Española Contra O Cancro e ó Banco De Alimentos Rías Altas.
Música, educación, amizade e solidariedade nun mesmo evento aberto a todos os públicos. Non volo perdades!