Hai filloas para todos os padais; para os máis doces, receita de filloas con marmelada!
Falar de entroido é falar de cocido, filloas, orellas, roscas… Se hai algo que define esta época é esa mestura de olor a anís, a masa, forno… E cómo nos gusta!
As filloas son, sen dúbida, un dos pratos protagonistas do entroido. A receita das filloas é algo moi persoal e case intransferible, cada cociñeiro ten un xeito propio de facelas e os seus trucos. Ademais, se preguntamos os comensais, os gustos son de todo tipo: máis ou menos finas, con azucre, con marmelada, sen nada…
Hoxe queremos compartir con vós a nosa particular receita de filloas! Esperamos os vosos comentarios e suxestións 🙂
Os ingredientes son:
- 500 ml de leite
- 3 ovos
- 200 gr. de fariña
- 1 cullerada de azucre
- 1 cullerada de anís doce
- Un chisco de sal
- Aceite
Elaboración:
- Poñemos todos os ingredientes na xerra da batidora e mesturamos ben. Gardamos a masa no frigorífico durante uns 30 minutos.
- Unha vez que a masa repousou, imos preparar as filloas. Untamos a base da tixola cun papel con aceite.
- Cando estea quente, vertemos un cullerón de masa e movemos a tixola para que se estenda.
- Cando os bordes comecen a dourarse e saian burbullas, dámoslle a volta cos dedos ou cunha espátula, deixamos que se faga polo outro lado e lista para comer. E así sucesivamente, ata que se remate a masa!
- Se queredes, podedes engadirlle un roque de marmelada de fresa ou similar, o resultado é espectacular!
Esperamos que gocedes do entroido con receitas tan ricas como esta, e que nolo contedes!