Sorteo de dúas invitacións para o Fórum Gastronómico de A Coruña

Queres asistir ao gran evento gastronómico de A Coruña? En Arume sorteamos dúas invitacións para o Fórum Gastronómico de A Coruña, que contará coa presenza de importantes figuras. Pepe Solla (Solla), Javier Olleros (Culler de Pau), Luis Veira (Árbore da Veira) ou Iván Domínguez (Alborada), son algúns dos exemplos.

Durante os días 12, 13 e 14 de marzo terán lugar gran cantidade de charlas, espectáculos, degustacións… Se non queres perder a oportunidade de formar parte de todas estas actividades, participa no noso sorteo!

Sorteo das invitacións para o Fórum Gastronómico

É moi sinxelo, só tes que comentar na publicación de Facebook contándonos con quen che gustaría asistir a este acto gastronómico, e etiquetar a esa persoa. Non lembres seguir a nosa páxina para estar ao día de todas as novidades!

Tedes ata o 10 de marzo para participar. Ese mesmo día, diremos os nomes dos gañadores.

Moita sorte a todos e a todas!

Convenio de colaboración con DOWN Galicia

Hoxe traemos unha noticia que é un orgullo compartir. Un ano máis asinamos un convenio de colaboración con Down Galicia! Este acordo ten como obxectivo pechar unha serie de colaboracións para a formación teórico-práctica e inclusión laboral, como monitores auxiliares de comedores, das persoas con síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual.

ARUME achega o seu gran de area ao gran traballo que cada día Down Galicia fan para alcanzar unha igualdade social. No marco deste convenio, a participación de ARUME na formación dos participantes irá en dúas vías. Por unha banda, a nosa empresa financiará a formación teórica dos cursos formativos para ser monitor auxiliar de comedor escolar.

A segunda parte chega unha vez acabada a formación teórica. Durante tres semanas como mínimo, os participantes do programa poderán realizar prácticas formativas nos comedores que xestionamos. Proporcionaremos a todos os participantes os medios necesarios para realizar as tarefas que se lles pida para favorecer a súa posterior inserción laboral. Ademais, designarase a un profesional responsable da tutorización dos participantes en cada un dos coles. Tamén, Down Galicia proporcionará un preparador laboral para dar todos os apoios que sexan necesarios durante o período de formación.

Finalizado este período práctico, ARUME e Down Galicia farán unha valoración pertinente daqueles participantes que superasen a formación. Todos os que superasen con éxito o curso obterán un Diploma como Monitor/a Auxiliar de Comedores escolares. Ademais existe a posibilidade de que algún dos participantes acabe contratado por ARUME.

Sobre Down Galicia

A “Federación Galega de Institucións para a síndrome de Down (DOWN GALICIA)” é unha entidade sen ánimo de lucro.  Agrupa aos sete Asociacións específicas para a síndrome de Down galegas. Foi creada a principios de 1.998 para canalizar as demandas do colectivo de persoas coa síndrome de Down ante a Administración e achegar solucións para contribuír a normalizar a súa situación na sociedade. Entre as súas funcións, tamén inclúe a de coordinar, colaborar e propor programas de actividades ante institucións públicas e privadas para a súa posta en práctica a través das súas entidades membro.

© A imaxe de portada é propiedade de DOWN Galicia e empregámola unicamente con fins informativos.

O CEIP Novo Arteixo saboreará Xanceda

Fai un par de meses contábamosvos a colaboración “Da Granxa ao Cole” que fixeramos coa Casa Grande de Xanceda. Con ela queriamos achegar aos coles os beneficios dos produtos ecolóxicos da granxa galega. Hoxe compartimos con vos unha novidade acerca desta colaboración.

Os pequenos do CEIP Novo Arteixo están de parabéns! A ANPA do cole decidiu ofrecer aos seus comensais os iogures da coñecida granxa galega. A partir de agora, polo menos dúas veces ao mes, os nenos poderán saborear os cremosos e naturais iogures Xanceda.

Desde este mesmo mes de xaneiro os escolares de Novo Arteixo xa poden atopar os iogures Xanceda como sobremesas nas súas comidas. Estes iogures elabóranse co leite ordeñada das vacas felices da Granxa. Felices porque viven como raíñas en grandes pastos dedicados só para elas! Ademais, todo o coidado das vacas é sustentable, sen contaminar os pastos, empregando materiais reciclables… Como eles din, son produtos que van “do prado á neveira”. Tanto é así que recentemente acaban de recoller o premio á Mellor Peme de España na categoría de Medio Ambiente.

Este tipo de colaboracións son moi importantes para Arume. Colaborar cunha empresa como Xanceda permítenos achegar produto local de proximidade aos nosos comensais. Desde Arume seguiremos traballando en achegar aos máis pequenos os produtos de maior calidade.

O CEIP Novo Arteixo saboreará Xanceda
Imaxes sacadas do Facebook da Casa Grande de Xanceda © Todos os dereitos reservados.

Xa temos gañador da cesta de nadal!

Onte ás 15.00 horas finalizou o prazo para gañar unha cesta de nadal a través do noso Facebook. Estamos moi agradecidos da cantidade de persoas que participaron. Unha friorenta de 1.865 en total!

Por iso, e atendendo ás bases do concurso, subidas tamén á plataforma de Facebook, realizamos un sorteo entre todos os participantes coa ferramenta “Échalo a Suerte”. A mecánica é moi sinxela. Hai un gañador e nove suplentes. Unha vez comunicado o gañador, o mesmo ten 5 días naturais para poñerse en contacto con ARUME e ver como realizar a entrega da cesta de nadal.

Ao pasar este cinco días, o premio pasará ao primeiro suplente, contando co mesmo tempo para poñerse en contacto con nos. O proceso repetirase até o último suplente, sendo considerado o premio deserto se ninguén se pon en contacto con ARUME.

Sen máis dilación comunicámosvos que o gañador ou gañadora da cesta de nadal é…

 

Cristina Rial!!!!!

 

Parabéns! Podedes comprobar tanto o gañador como a listaxe de suplentes clicando na seguinte ligazón.

Só nos queda desexarvos felices festas e que vivades un nadal cheo de amor e ledicia!

Showcooking no CEIP Concepción Arenal

Hoxe queremos compartir con vos unha acción moi especial que realizamos o pasado mércores 7 de decembro. Coa axuda de dous chefs, realizamos un showcooking para os pequenos de cuarto de primaria do CEIP Concepción Arenal, na Coruña. En primeira persoa os alumnos e alumnas puideron gozar da preparación de sushi en vivo e en directo.

Este tipo de actividades son moi importantes para inculcar aos pequenos o amor pola cociña. A gastronomía tamén é cultura! E máis nunha terra como a nosa, onde temos tanto apego a compartir momentos ao redor dunha mesa cos nosos seres queridos. Por iso, queremos que os nenos desde ben pequeniños gocen coa cociña, non só cun prato ou menú. A través de actividades como este showcooking poñemos en valor a comida, mostrando o traballo que hai detrás. E non só traballo, se non o divertido que pode ser.

Para desenvolver esta acción contamos coa axuda de dous chefs de ARUME. No comedor do centro montaron unha barra completamente equipada coma se fose a cociña dun restaurante. E para sorprender aos pequenos elixiron o prato nipón por excelencia: sushi. Ademais, aos poucos, foron saíndo diferentes alumnos para participar como pinches. E tamén houbo espazo para aprender! Por exemplo, a coñecer de onde vén o aguacate ou que é a alga nori.

Tamén queremos compartir nesta noticia o noso Facebook. Todo o showcooking foi retransmitido en vivo a través de Facebook Live, algo que imos facer en próximas ocasións. Desta forma queremos achegar aos pais as actividades que os seus fillos realizan, de modo que non perdan detalle dende a casa ou o traballo.

E para finalizar, deixámosvos cunha galería de fotos do desenvolvemento do showcooking. Se recoñecedes a algún dos pequenos non dubidedes en deixarnos un comentario!

Galería de imaxes

 

Presentes nunha xornada organizada por ANFACO-CECOPESCA

Mañá, martes 13 de novembro, participamos nunha xornada organizada por ANFACO-CECOPESCA. Baixo o título “Os produtos alimentarios do mar á procura do padal máis esixente: cómo mellorar as súas calidades organolépticas” analizaranse os principais retos do sector alimentario de produtos do mar.

A aceptación dos produtos alimentarios está influenciada por diferentes factores. En especial, todas aquelas variantes organolépticas. Estas son todas aquelas variables que inflúen nos nosos sentidos, incluída a presentación do produto. Por iso, con esta xornada ANFACO-CECOPESCA abordará os cambios necesarios para adaptar os produtos do mar aos gustos do consumidor.

Un dos principais públicos son os nenos. Aínda que España é un país cunha profunda tradición en consumo de peixe, isto estase perdendo entre os pequenos. Un tema para nada naif, xa que os nenos de hoxe serán os consumidores do futuro. Ademais, as continuas melloras en calidade de vida lévannos a adaptar o mercado a unha cuarta idade cada vez máis crecente. Coa cuarta idade referímonos a aquelas persoas que superan os 80 anos. Sobre estes diferentes públicos o sector aínda ten moito por facer. O principal obxectivo pasará por dar resposta a estas novas necesidades.

O xerente de ARUME, Carlos Varela, xunto á portavoz de FOANPAS, Bertila Fernández, desenvolverán un relatorio de título “Que necesitan, desde o punto de vista sensorial, os novos consumidores para engancharse ao consumo de produtos do mar“. Nela, tanto ARUME como FOANPAS farán ver ao resto de convidados os principais gustos dos máis novos. Tanto a nosa experiencia como a de FOANPAS no traballo diario con menús escolares axudará a arroxar luz sobre este asunto.

Ademais de ARUME, son moitas as entidades que participan: AECOC, Universidade de Vigo, CEAMSA, inn Flavours, Tastelab. Esta xornada está dentro do ciclo programado por ANFACO-CECOPESCA, dedicada a reflexionar sobre os retos de futuro do sector. A xornada pretende achegar as claves para  garantir o éxito do produto no mercado e mellorar na competitividade. Podedes consultar o programa completo aquí.

Os alicerces para unha Galicia sustentable

O ambiente que nos rodea é o espazo que utilizamos todos para vivir e desenvolver as nosas actividades. O aire, a terra e a auga, son elementos indispensables para a vida. Sen eles non podemos desenvolvernos como seres vivos. Por iso é imprescindible que manteñamos unha relación con eles, de tal modo que, ao utilizalos, non os desgastemos, non os descoidemos, non provoquemos que se destrúan.

O desenvolvemento sustentable é unha responsabilidade que debemos levar á práctica todos os habitantes do planeta se queremos gozar del. Debemos utilizar os recursos naturais ao noso alcance para vivir e desenvolvernos, pero debemos, á súa vez, facelo con coidado e respecto, procurando conservalos para as xeracións que virán no futuro. Trátase, por tanto, de que fagamos unha utilización racional dos recursos, tentado paliar, na medida do posible, os efectos nocivos que a nosa utilización provoque. Debemos lograr un equilibrio entre o desenvolvemento económico, o crecemento da poboación, o uso dos recursos e a protección do medioambiente.

En Galicia, dentro do goberno da comunidade autónoma, existe un departamento encargado de controlar todos os temas relativos ao desenvolvemento sustentable e ao medio ambiente, é a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

Esta Consellería debe velar principalmente polo saneamento das augas, a protección dos ecosistemas terrestres, o freo á perda da biodiversidade e a consecución de cidades sustentables. Para iso conta cunha estrutura ampla que controla todos os sectores relacionados cos obxectivos que persegue: a utilización racional dos recursos co fin de salvagardalos.

Existe unha preocupación constante para facer fronte a este reto tan importante: a pesca e a alimentación son factores crave nunha rexión como Galicia, famosa polos seus peixes e mariscos e que, ademais, conta cun extenso litoral marítimo que debe protexer. Neste sentido, a contaminación das augas é un punto que preocupa en gran medida debido a que non só afecta á saúde da poboación, senón tamén ao traballo e ao emprego de miles de persoas que viven da explotación dos recursos hídricos.

O cambio climático é outro dos factores preocupantes que afecta á necesidade de diminuír a emisión de gases de efecto invernadoiro e mellorar a xestión de residuos é un dos obxectivos expostos recentemente polo goberno.

Protexer a biodiversidade e realizar políticas de educación son indispensables se se quere lograr obxectivos sustentables a longo prazo.