“Cada tic tac é un segundo da vida que pasa, escapa e non se repite. E hai nela tanta intensidade, tanto interese que o problema é soamente sabela vivir. Que cada un o resolva como poida” __________Frida Kalo
Cada muller que nomeamos que viviu a súa vida como ela quiso e converteuse en símbolo dun cambio, nun mensaxe a recordar, nunha muller valente… estamos a definir a esencia do oito de marzo, un día para lembrarnos a cada un de nós o que temos que cambiar. O proxecto educativo esta primeira semana xirou arredor da muller e a igualdade.
Adicamos as mañás de madruga á lectura “ Contos de boas noites para nenas rebeldes” que relata historias de mulleres valentes que axudaron a cambiar o mundo. Nomes como Elizabeth I, Coco Chanel, Marie Curie, Frida Khalo, Serena Williams, Nina Simone e outras mulleres extraordinarias que inspiran a facer dun soño unha realidade.
E no comedor dedicámola actividade ás superavoas!!
E que os avós, aínda que sempre xogaron un papel moi importante nas vidas dos netos, na actualidade van máis alá. Case podemos dicir que un avó ou avoa ten o papel de pai o nai pero coa posibilidade de ter un soño reparador, polo demais… estanche empatados. Isto vai ligado a un cambio importante na nosa sociedade, o papel da muller non é o que era fai un século, nin medio. As mulleres como as nosas avoas, bisavoas dos nosos fillos, estaban educadas para traballar na casa, tiñan que renunciar a ter os seus propios soños, ser autónomas e independentes non entraba nos plans da sociedade. De feito costa atopar nomes de mulleres cunha relevancia importante en feitos históricos, pero hainas… mulleres rebeldes que as dificultades da vida as levaron a ser quen foron.
Estes tempos non teñen que ver cos vividos por nosas avoas e bisavoas, se enfocamos o tema no lugar onde vivimos, en España as mulleres rozaron un día a posibilidade de ser, a guerra civil foi iso, unha luz para poñer de manifesto os seus desexos, a súa voz, a non ter que depender dun home, pero… non puido ser… e as mulleres fixéronse invisibles, condenadas ó silencio…
As nosas avoas non podían levar pantalóns, non podían estudar, pero eran loitadoras e inconformistas, algunhas tentaron falar en alto. Aínda así moitas lograron alcanzar os seus desexos facendo frente á sociedade da época e tirando da vida para adiante… e algunhas están nas nosas vidas, heroínas da súa propia. Aquí en Galicia temos uns cantos nomes, por poñer un exemplo de alguén relacionado co mundo da educación temos o caso de Tita “a mestra da palabra xusta” quen fundou a primeira escola bilingüe en Vigo, o seu marido foi un apoio moi importante para levar a cabo os seus proxectos.
Por iso o 8 de marzo, DIA da MULLER, é unha data importante, lembramos a todas estas mulleres que comezaron esta loita de igualdade de dereitos e abriron camiño ás demais, e grazas a elas na actualidade podemos decidir formarnos, traballar fora de casa, e levar pantalóns!!
Pois esas avoas, despois de toda unha vida seguramente non moi fácil pero mirando cara adiante, agora teñen un rol moi importante dentro da familia, son transmisoras de tradicións familiares, elas saben que un neto é unha fonte de amor, comparten confidencias, ensinanzas, teñen a paciencia infinita… teñen poderes, sen dúbida.
Esta semana os nenos e nenas crearon un recuncho onde compartiron as súas vivencias coas avoas. Cada un expresou os seus sentimentos con debuxos, frases, cartas, composicións, con moito arte como sempre.
SUPERAVOAS, isto é para vós…